A ÚLTIMA EDICIÓN DO MOCIDADE MESTURA ARTIGOS DE ACTUALIDADE SOBRE OS PRINCIPAIS EIXOS DE ACTUACIÓN DE GALIZA NOVA XUNTO CON ARTIGOS RECUPERADOS DE NÚMEROS ANTERIORES DA REVISTA, COMO A PUBLICACIÓN "CELULOSAS: NEN O BENEFÍCIO DA DUVIDA", ESCRITO POR MANOLO CAMBA NO MOCIDADE NÚMERO 0 PUBLICADO EN 1991
Galiza Nova presenta en Lugo o novo Mocidade, a 50 edición da publicación da Organización Xuvenil do BNG
A Despensa do Saa acolleu o acto que contou coa participación da Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez
A última edición do Mocidade mestura artigos de actualidade sobre os principais eixos de actuación de Galiza Nova xunto con artigos recuperados de números anteriores da revista, como a publicación "Celulosas: Nen o benefício da duvida", escrito por Manolo Camba no Mocidade número 0 publicado en 1991
O acto contou con representantes de Adega, que conversaron sobre o problema que suporá Altri para a comarca da Ulloa e o conxunto do País, como acto previo á manifestación nacional deste domingo
Lugo, 13 de decembro de 2024. Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, presentou en Lugo a edición número 50 do seu voceiro nacional, o Mocidade. O acto, celebrado na Despensa do Saa, contou coa presenza da Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, xunto co responsábel da comarca de Lugo, Adrián Rodríguez, que presentaron unha edición especial desta publicación que recolle unha análise de diferentes problemáticas que afectan a mocidade galega como poden ser a situación da lingua a loita do movemento LGBT ou a importancia do ecoloxismo, e amplía o coñecemento sobre o posicionamento de Galiza Nova ao longo dos anos sobre estes temas ao incluír fragmentos de Mocidades anteriores recuperados da hemeroteca.
O Mocidade número 50 comeza co artigo "Mocidade organizada para avanzar", escrito por Montserrat Prado Cores, actual deputada do BNG no Parlamento Galego e membro da comisión promotora de Galiza Nova, que fala sobre o inicio da autoorganización da mocidade do BNG. "30 anos de resistencia na Galiza, a oposición popular fronte á nova ameaza de Altri", é o título da segunda publicación deste Mocidade, publicación que se complementa coa recuperación dunha das publicacións do Mocidade número 0, publicado en 1991: "Celulosas: Nen o benefício da duvida", escrito por Manolo Camba.
O Mocidade analiza tamén a vinculación do nacionalismo galego coa loita polos dereitos do colectivo LGBT, a través do artigo "Liberación Nacional, liberación xenérico-sexual", e conta cun espazo para a campaña "Tecendo o fío lilá da Historia", campaña posta en marcha por Galiza Nova polo 8 de marzo de 2024 que pon en valor o movemento feminista da Galiza.
A defensa da lingua galega ten o seu espazo neste Mocidade a través do artigo "deféndoa porque é a lingua do meu pobo", onde desde a organización xuvenil do BNG se defende que a defensa da lingua "non é unha cuestión secundaria, é unha loita pola nosa identidade e polo noso futuro, é a defensa dos dereitos sociais e culturais de toda unha sociedade, de todo un País".
Galiza Nova recupera para este Mocidade a publicación "Paremos o Xenocidio en Palestina!", publicado en 2014 e que afirmaba xa daquela que "O que acontece na Faixa de Gaza non é un feito illado nin cuxuntural senón que toma parte nunha estratexia máis ampla que ten por obxecto aniquilar o pobo palestino". Esta publicación foi realizada por Olalla Rodil, actual viceportavoz do BNG no Parlamento de Galiza e que no momento desta publicación desenvolvía a responsabilidade de Relacións Internacionais de Galiza Nova.
O Mocidade número 50 contén tamén unha recompilación das portadas dos 50 números da publicación de Galiza Nova, e unha entrevista á Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, quen foi membro da Dirección Nacional e da Comisión Permanente de Galiza Nova, e remata cun artigo da actual Secretaria Xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, sobre a nova etapa aberta despois da XVII Asemblea Nacional celebrada en Compostela en decembro de 2023.
Mobilización contra Altri
O acto de Galiza Nova contou tamén coa intervención de representantes da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza ADEGA, que amosou os riscos que representa para a comarca da Ulloa e para toda Galiza un proxecto como é a bomba ambiental planteada por Altri. Galiza Nova chama a toda a mocidade galega a mobilizarse este domingo na manifestación nacional convocada pola pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.
Galiza Nova considera un risco este megaproxecto contaminante para as comarcas afectadas, como a da Ulloa, que contan cun enorme potencial nun sector estratéxico para Galiza como é o agrogandeiro e tamén no turístico.
O proxecto conta con miles de alegacións de particulares e colectivos, que acreditan os prexuízos que esta macroplanta -na que se prevé a produción de 400.000 toneladas de celulosa – causará sobre os recursos hídricos, a biodiversidade, a actividade agrogandeira e ao patrimonio da Ulloa.
Galiza Nova sinala a responsabilidade do Partido Popular en apadriñar, con mentiras e falsas expectativas, un proxecto que supón unha bomba ambiental na comarca da Ulloa e en aprobar leis que recortan prazos e reducen os controis aos que deberían someterse este tipo de proxectos, favorecendo os intereses de grupos empresariais por riba do interese xeral e da protección do territorio.