OLGA NOVO, SAMUEL MERINO, BENXAMÍN OTERO OU MIRIAM FERRADÁNS SON ALGÚNS DOS NOMES QUE FORMARÁN PARTE DESTA PROGRAMACIÓN

A praza da Mosqueira converterase este verán no centro da poesía galega cunha nova edición do ciclo Versos na Barraca

Rubén Arroxo: "Un ano máis, retorna ás tardes de verán un ciclo de poesía único en Galiza"

Olga Novo, Samuel Merino, Benxamín Otero ou Miriam Ferradáns son algúns dos nomes que formarán parte desta programación
A praza da Mosqueira converterase este verán no centro da poesía galega cunha nova edición do ciclo Versos na Barraca



Lugo, 01 de xullo de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou unha nova edición do ciclo de poesía Versos na Barraca, que volve un ano máis á praza da Mosqueira para achegar unha proposta "única en toda galiza" ás tardes dos xoves. Versos na Barraca é a primeira proposta da área de Cultura para público adulto "dentro dunha intensa programación que complementa ao ciclo Tarde e Tardiña, para público infantil, e ao Muralleando, que volverá este ano para facer da praza da Mosqueira o gran escenario dos grupos de Lugo".

As noites de Versos na Barraca serán presentadas polo director artístico, Lois Pérez, canda The Tarracos, formación musical do ciclo liderada por Luis Monsalve. Cada un dos espectáculos comezará ás 20:00 e contarán coas poetas máis relevantes de Galiza como Olga Novo, Samuel Merino, Benxamín Otero ou Miriam Ferradáns.

Rubén Arroxo destacou que "con iniciativas como esta desde a área de Cultura consolidamos unha programación cultural estable durante todo o ano, dando opcións de lecer nun emprazamento único como é a praza da Mosqueira".


Programación Versos na Barraca 2024

Deter o tempo, 4 de xullo
Olga Novo e Eva Veiga
O tempo é un invento humano que nomeamos con palabras. O amor, a norte, o desexo...A beleza e a verdade. Deter o tempo é unha propiedade da mellor poesía, a que parece estar suxeita do que non se atina a dicir e, por iso, aínda resulta máis necesaria. A poética lúcida e confesional de Olga Novo e as palabras como faíscas mártires do auténtico de Eva Veiga achéganse ao que non ten nome.


Palabra en tránsito, 11 de xullo
Silvia Penas e Samuel Merino
A poesía é un bosque de moitas árbores ou unha árbore de moitas pólas. Así, hai unha poesía que nace para ser declamada e posta en escena. Unha linguaxe alimentada por silencios, complementada por encontros, declamacións conxuntas e a lixeira dramaturxia versada que nos achegan a pompa reflexiva de Samuel Merino e a performance de longo percorrido de Silvia Penas. Dúas manifestacións da palabra en tránsito feita poesía.


Se un día un verso, 18 de xullo
Pilar García Rego e Miriam Ferradáns
Se un día o verso o detivese todo. Se un día un verso volvese do soño cunha flor na man. Se un día un verso detivese a guerra. Se un día un verso pintase a sombra en cor. Se un día un verso nos ofrecese o tacto da ausencia. Se un día un verso incendiase o teu corazón. Se un día un verso fixese calquera desas cousas, haberiamos preguntar onde están Pilar García Rego e Miriam Ferradáns, unha promesa de verdade íntima que deshabita a nada. Aí vai a tola soñando! E é posíbel que sexa unha soñadora. But I not the only one!


Lalín Epicentro Terra, 5 de agosto
Celso Sanmartín, Masha Álvarez e Benxamín Otero
Un tremor atravésao todo ás veces. A poesía é un barco un pouco. Do apuro á porta das casas ás evocacións nostálxicas de Lalín entre a néboa de Dakota ou a lucidez fugaz e breve que trae a forma dunha nube. O outro lado da poesía: a música! Porque sempre valerá máis unha Luísa Villalta que un Louis Vuitton. A poesía ocúpase tamén do fráxil, o que escintila á luz da lúa nas pedras dun carreiro, o silencio contido nos ollos de Amparo de Zobra ou na revelación que nos ofrece o cotián, o que non figura. O que se escapa. Poesía inserida na terra co seu epicentro en Lalín. Terremoto!

A praza da Mosqueira converterase este verán no centro da poesía galega cunha nova edición do ciclo Versos na Barraca