ESTA TEMPADA, A NÚMERO 73, ESTÁ FORMADA POR 12 CONCERTOS

Preséntanse os concertos da tempada 2019-2020 da Sociedade Filarmónica de Lugo

Comezarán o 18 de outubro coa Real Filharmonía de Galiza
Preséntanse os concertos da tempada 2019-2020 da Sociedade Filarmónica de Lugo

Lugo, 25 de setembro de 2019.  A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, participou hoxe na presentación da 73ª tempada da Sociedade Filarmónica de Lugo. Un total de 12 concertos, con orquestras, solistas e agrupacións de cámara de primeira fila, que terán lugar no Círculo das Artes entre o 18 de outubro e o  14 de maio de 2020. Maite Ferreiro agradeceu “a todas as persoas que traballan por programar actividades culturais”. E indicou a disposición da Concellería de Cultura a “colaborar coas actividades culturais e prestarlles toda a axuda que poidamos”.

 

A tempada comezará o vindeiro 18 de outubro, coa Real Filharmonía de Galiza e o pianista ucraíno Dmytro Choni, gañador do Concurso de Piano Paloma O´Shea de Santander, que interpretarán o Concerto para piano e  Orquestra nº2 de Chopin xunto á Sinfonía “Escocesa” de Mendelssohn.

 

A Orquestra Vigo 430 participará en tres datas durante o ciclo, en formato sinfónico e barroco, ademais de acompañada polo Coro Rías Baixas. O primeiro concerto da orquestra viguesa será o 15 de febreiro, en conmemoración do 250 aniversario de L. V. Beethoven onde, xunto á violinista Rosanne Philippens, interpretarán o Concerto para Violín de Beethoven e máis a súa 2ª sinfonía. Para o 25 de xaneiro, dirixida polo oboista portugués Pedro Castro, interpretarán Cantatas de J.S. Bach e o Concerto para oboe de Marcello. O 21 de marzo será a última aparición desta orquestra na tempada, onde a acompañará o Coro Rías Baixas, e dirixidos por Lina Tur Bonet interpretarán a Paixón segundo San Xoan de J.S.Bach, un dos cumes do repertorio barroco.

 

Un dos temas centrais desta tempada será a celebración do 250 aniversario de L. V. Beethoven. Destacan os seus cuartetos de corda, que estarán presentes en varios concertos. O primeiro destes será o 17 de xaneiro, cun dos cuartetos de corda máis prestixiosos do mundo, os estadounidenses Brentano String Quartet. O 16 de marzo, Ensemble Trifolium incluirá no seu programa outro cuarteto do compositor alemán, finalizando o percorrido polo seu repertorio o 4 de abril co Cuarteto Quiroga.

 

O 7 de decembro, o vienés Franz Schubert terá un lugar especial, co ciclo de cancións “A Viaxe de Inverno”, obra fundamental do vienés e do romanticismo alemán. Estará a cargo de dous grandes especialistas na materia, o barítono Vicente Antequera e o pianista Óscar Oliver.

 

O 25 de abril, Rusanda Panfili ao violín e Dana Pentsov na viola poñeranse á fronte da Ensemble Vigo 430 para ofrecer un programa con dúas obras de cámara excepcionais: o Octeto en mi menor de Mendelssohn e o Sexteto nº2 de Brahms.

 

Giorgi Gigashvili, último gañador do Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo ofrecerá un recital de piano o 4 de marzo xunto o Reflexions Ensemble, que actuará por primeira vez en Lugo o 26 de novembro, serán dúas das pezas máis destacadas da tempada que finalizará o 14 de maio cun concerto a cargo da Orquestra Sinfónica de Galiza, cun programa de música francesa, e que será o concerto número 700 da Sociedade Filarmónica de Lugo.

Preséntanse os concertos da tempada 2019-2020 da Sociedade Filarmónica de Lugo