COSME POMBO REÚNESE CO COMITÉ DE EMPRESA DE TABLICIA
DENUNCIA QUE NESTE MOMENTO HAI NA PROVINCIA DE LUGO MEDIO CENTO DE EMPRESAS EN ERE OU CONCURSO DE ACREEDORES
O cabeza de lista do BNG por Lugo di que Feijóo é "o campión do paro" porque desde que el Goberna o paro na provincia de Lugo aumentou o paro un 40% e chega hoxe ás 27.000 persoas desempregadas
Cosme Pombo afirma que a creación dunha Banca Pública Galega
"é unha ferramenta fundamental para reactivar a economía,
poñer o país a producir e crear emprego"
Lugo, 18 outubro 2012.- O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego por Lugo, Cosme Posmo, mantivo esta mañá un encontro cos membros do Comité de Empresa de Tablicia, que dá traballo a 137 traballadores e que se atopa en concurso de acreedores e deu o dato de que como consecuencia das políticas que está a aplicar o Partido Popular neste momento medio cento de empresas da provincia de Lugo atópanse en situación de peche, con Expedentes de Regulación de Emprego en marcha ou declaradas en Concurso de Acreedores.
O candicato nacionalista acusou a Feijóo de ser o campión do paro e dixo que desde que el chegou á Xunta fai tres anos e medio as políticas que está a aplicar o PP están levando ao desmantelamento do tecido produtivo da provincia de Lugo. Nesta listaxe de empresas afectadas por EREs ou procesos concursais están, entre outras, empresas como Tablicia, Cosmos, Cemar, Jecsa, Obras y Viales Bascuas, Construciones Sanjurjo, Fundiciones Pardo, ECAR, Muebles Hermida, Excansa, Compesa, Garaje Villares, Maderas Besteiro, Lucusdat, Estruturas Envolventes, Lucense de Aislamientos Técnicos ou Teodoro Moreda.
Cosme Pombo mostrou o apoio do BNG aos traballadores de Tablicia e denunciou a falla de apoio da Xunta, que permitíu o seu peche por un estrangulamento financieiro que non foi quen de resolver. A empresa pechará, entre outros motivos, pola falla de financiamento, algo que non tería acontecido se neste país existira unha Banca Pública Galega que apoiara ao tecido produtivo deste país, dixo Cosme Pombo.
Tablicia conta con 137 traballadores pero do seu funcionamento dependen outros 1.000 empregos no sector forestal na provincia de Lugo, entre madeiristas, aserradoiros e empresas de transformación. O Comité de Empresa de Tablicia tenta evitar o desmantelamento da factoría e a venda da maquinaria como única posibilidade de reiniciar a actividade se aparece un investidor interesado en comprar a fábrica. O cabeza de lista do Bloque mostrou o seu apoio á loita dos traballadores e traballadoras de Tablicia e a súa preocupación pola situación dos traballadores de outras empresas, como Oural.
Feijóo, o campión do paro
Cosme Pombo calificou ao PP de Partido do Paro e ao seu candidato Feijóo de campión do paro e mentirán por ter prometido en 2009 acabar co paro en 45 días e deixar a Galiza tres anos despois con 113.000 parados máis. O cabeza de lista do Bloque explicou que cando Feijóo chegou á Xunta había 162.000 persoas en situación de desemprego en Galiza, cando hoxe son xa máis de 275.000. Na provincia de Lugo, dixo, a día de hoxe máis de 27.000 persoas están sen traballo, cando hai tres anos eran 18.000.
Reparto de información aos funcionarios da Xunta
O candidato nacionalista tamén adicou a mañán de hoxe a un reparto informativo diante da sede da Xunta de Galiza en Lugo. Cosme Pombo fixo un chamamento aos 24.000 funcionarios e empregados públicos que hai na provincia de Lugo para que non voten polo PP este domingo. Ademais de rebaixarlles o salario con recortes como a paga extra de Nadal, empeorarlles as condicións laborais e reducir postos de traballo como os máis de 2.500 postos de mestre no ensino público, o cabeza de lista do BNG acusou ao Partido Popular de levar a cabo unha campaña de desprestixio dos empregados públicos. O PP e o señor Feijóo pouco menos que trata de vagos e maleantes a todos os empregados públicos, aos que tenta culpabilizar da crise económica e digo eu que non terán culpa os mestres dos nosos fillos e fillas, os médicos de cabeceira que nos atenden ou o persoal sanitario dos hospitais de que os bancos especularan sen xeito, afirmou Cosme Pombo.