ao
Novas
Olaia Rodil en Comisión

O BNG levará de novo ao Parlamento a creación dun 4º xulgado do social para Lugo

Lugo, 11 de agosto de 2017. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil insiste en que os xulgados do social de Lugo seguen a estar desbordados, polo que as medidas tomadas non lograron dar solución. dun novo xulgado do Social. “O nomeamento dunha xuíza de apoio non serviu para rematar co colapso que padecen os tres xulgados do social de Lugo como denuncia o persoal xudicial e o Colexio da Avogacía de Galiza” afirmaba a deputada, “o que precisa Lugo é crear canto antes un novo xulgado dotado dos recursos humanos, materiais e económicos necesarios”. Rodil explicou que o partido xudicial de Lugo conta na actualidade con tres Xulgados do Social e sinalou que “en diferentes ocasións o persoal que traballa nos mesmos solicitou ao TSXGa adopción de medidas de reforzo, quer específicas, quer para cada un dos órganos e mesmo chegaron a remitir unha proposta de plan de reforzo o 9 de setembro de 2014”.

Olalla Rodil lembrou que “xa en abril do pasado ano houbo mobilizacións de protesta convocadas polas organizacións sindicais perante os Xulgados” e lembrou que “no ano 2015, os tres Xulgados do Social de Lugo celebraron unha Xunta Sectorial na que solicitaron a creación dun novo xulgado e no caso de non se incrementar a planta xudicial”.

Desde a formación nacionalista lembran que o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade en xaneiro de 2017 unha inciativa na que insta á creación do 4º xulgado do social diante das cada vez máis amplas demoras no sinalamento das causas “datadas nalgúns casos xa para 2020”. Tamén o pleno municipal de Lugo aprobaba por unanimidade en decembro do 2016 a iniciativa do BNG para esta cuestión

“É unha vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva que todas e todos temos recoñecido pois hai traballadores agardando que se resolvan despedimentos improcedentes ou salarios adebedados dous ou tres anos”, sinalou a deputada do BNG, Olalla Rodil. “Situacións coma esta deixan nunha situación de desprotección a moitas persoas simplemente por non contar con persoal suficiente”.

“Defendímolo en xaneiro e volveremos facelo agora, esta situación é insostíbel”, afirman desde o BNG. Desde o BNG lembran que na última xuntanza entre o Consello Xeral do Poder Xudicial e a Xunta de Galiza acordaron crear 4 novas unidades xudiciais que estarán en funcionamento en 2018 mais nese acordo “Lugo volve quedar na cola malia que as cifras refliten a necesidade de contarmos con máis un xulgado”

Ler novas
Novas

O BNG instala un “letreiro de obra” no lugar onde conta instalar o acceso ao río

Lugo, 28 de xullo 2017. O BNG-AA instalou un “letreiro de obra” nas Saamasas no lugar onde ten os permisos pertinentes da Confederación Hidrográfica Miño Sil e da Consellería de Medio Ambiente, no que apunta información sobre o acceso ao río anunciando que o prazo de execución de obra será en canto a Deputación de Lugo o permita “nós deixámolo claro, en canto a Deputación o permita, que é a propietaria do terreo, faremos o acceso” sinalou Rubén Arroxo. O concelleiro nacionalista critica que o PSOE estea tan empeñado en evitar que a veciñanza de Lugo teña unha zona pública no río onde bañarse, e que despois de 8 anos sen facer nada, e cunha proposta do BNG aprobada en pleno, agora siga boicoteando unha proposta do propio grupo nacionalista “temos os permisos das outras institucións, pero o PSOE utiliza a Deputación como ferramenta para evitar que poidamos instalar o acceso”.

O BNG lamentou que xa pasara un mes dende que recibiu todas as aceptacións medioambientais, e que o goberno provincial do PSOE siga impedindo o uso deses terreos “o presidente da Deputación nin tan se queira aceptou recibirnos para falar do tema, tal e como lle pedimos hai 3 semanas, é unha pataleta que ten o PSOE de poñerse totalmente en contra de que a xente de Lugo poida usar o río para o baño” afirmou o voceiro do BNG, lembrando que Lugo segue a ser un dos poucos concellos polos que pasa o Miño e que non dispón dunha zona pública para o baño.

Para o BNG a posición que ten o PSOE a respecto da zona pública de baño no Miño é a de “non facer, nin deixar facer”, engadindo ademais que se destaparon todas aquelas falacias soltadas polo propio goberno de que era imposible facer esta infraestrutura en Lugo, ao descubrir o BNG, e facelo público, que o goberno municipal nunca rematara as xestións administrativas necesarias “o PSOE vai lograr algo inaudito, impedir que unha iniciativa positiva para Lugo como é esta, e con todos os permisos aceptados, quede paralizada polos seus caprichos” explicou Rubén Arroxo.

Ler novas