lugo
Novas
Olaia Rodil en Comisión

O BNG levará de novo ao Parlamento a creación dun 4º xulgado do social para Lugo

Lugo, 11 de agosto de 2017. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil insiste en que os xulgados do social de Lugo seguen a estar desbordados, polo que as medidas tomadas non lograron dar solución. dun novo xulgado do Social. “O nomeamento dunha xuíza de apoio non serviu para rematar co colapso que padecen os tres xulgados do social de Lugo como denuncia o persoal xudicial e o Colexio da Avogacía de Galiza” afirmaba a deputada, “o que precisa Lugo é crear canto antes un novo xulgado dotado dos recursos humanos, materiais e económicos necesarios”. Rodil explicou que o partido xudicial de Lugo conta na actualidade con tres Xulgados do Social e sinalou que “en diferentes ocasións o persoal que traballa nos mesmos solicitou ao TSXGa adopción de medidas de reforzo, quer específicas, quer para cada un dos órganos e mesmo chegaron a remitir unha proposta de plan de reforzo o 9 de setembro de 2014”.

Olalla Rodil lembrou que “xa en abril do pasado ano houbo mobilizacións de protesta convocadas polas organizacións sindicais perante os Xulgados” e lembrou que “no ano 2015, os tres Xulgados do Social de Lugo celebraron unha Xunta Sectorial na que solicitaron a creación dun novo xulgado e no caso de non se incrementar a planta xudicial”.

Desde a formación nacionalista lembran que o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade en xaneiro de 2017 unha inciativa na que insta á creación do 4º xulgado do social diante das cada vez máis amplas demoras no sinalamento das causas “datadas nalgúns casos xa para 2020”. Tamén o pleno municipal de Lugo aprobaba por unanimidade en decembro do 2016 a iniciativa do BNG para esta cuestión

“É unha vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva que todas e todos temos recoñecido pois hai traballadores agardando que se resolvan despedimentos improcedentes ou salarios adebedados dous ou tres anos”, sinalou a deputada do BNG, Olalla Rodil. “Situacións coma esta deixan nunha situación de desprotección a moitas persoas simplemente por non contar con persoal suficiente”.

“Defendímolo en xaneiro e volveremos facelo agora, esta situación é insostíbel”, afirman desde o BNG. Desde o BNG lembran que na última xuntanza entre o Consello Xeral do Poder Xudicial e a Xunta de Galiza acordaron crear 4 novas unidades xudiciais que estarán en funcionamento en 2018 mais nese acordo “Lugo volve quedar na cola malia que as cifras refliten a necesidade de contarmos con máis un xulgado”

Ler novas
Novas

O BNG informa de que Lugo queda fóra das axudas de biomasa do 2017

Rubén Arroxo sinalou “non entendemos o pouco interese do goberno municipal en mellorar a xestión enerxética por sistemas máis ecolóxicos e máis económicos”

Lugo, 2 de agosto 2017. Se o BNG denunciaba publicamente o pasado luns que o concello de Lugo podía quedar por causas dunha nefasta xestión política sen unha subvención de 776.255,47 € adxudicada polo INEGA para un proxecto de rede de biomasa, no día de hoxe podemos ver na web do INEGA que o concello de Lugo non solicitou a que saíu no 2017. O portavoz do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, mostrouse bastante sorprendido ao ver o listado de beneficiarios desta axuda na que non aparece o concello lucense “non entendemos o pouco interese do goberno municipal en mellorar a xestión enerxética por sistemas máis ecolóxicos e máis económicos”. No listado que aparece na web do INEGA, publicado este 1 de agosto, pódese observar que se concederon 121 axudas a entidades locais galegas, e a ausencia de Lugo nese listado é para o BNG “unha nova oportunidade perdida de facer proxectos na cidade”

A convocatoria de axudas baixo o título de “subvencións para o ano 2017 a proxectos de biomasa para administracións locais e autonómica, entidades sen ánimo de lucro, empresas e autónomos” foi publicada no DOG do 22 de marzo do 2017 e existía un prazo ata o 24 de abril para solicitala, algo que para o BNG “é tempo máis que suficiente se se ten un proxecto do que se quere para Lugo”. Estas axudas cubrían ata un 80% da inversión, unha cantidade que o BNG considerou moi importante.

O concelleiro do BNG, Rubén Arroxo, pediu “un cambio de rumbo na xestión municipal” entendendo que a día de hoxe o goberno municipal segue sen un proxecto claro para Lugo malia levar xa máis de 2 anos de mandato. O BNG cre que proxectos coma o da biomasa, que son alternativas directas ao petróleo e que aforran cartos, deben ter maior consideración por parte do executivo local.

 

Axudas do 2016. Con respecto ás axudas outorgadas a Lugo o 22 de decembro do 2016, o BNG volve insistir en que dificilmente se podan ampliar os prazos, tal e como se xustificou o goberno municipal, lembrando que non hai ningún documento oficial no que apareza dita cuestión, polo que estas terían que estar xustificadas antes do 15 de outubro, algo que Rubén Arroxo volveu considerar de “moi complicado”, polo que pediu atención máxima deste asunto para evitar perder os preto de 800.000€.

 

Bases axudas: http://www.inega.gal/subvencions/subvencions/Energiasrenovables/2017/ficha_renovables2017_0003.html

Concedidas: http://www.inega.gal/sites/default/descargas/subvencions/SubvencionsPDF/Relacion_axudas_BiomasaFEDER2017.pdf

Ler novas
Novas
BNG. Sto domingo 2

O BNG chama á veciñanza de Lugo a participar do Día da Patria Galega

Lugo, 21 de xullo 2017. O BNG colocou unha mesa informativa en Santo Domingo para chamar ás veciñas e veciños de Lugo a participar un ano máis na mobilización do Día da Patria Galega, que terá lugar o vindeiro martes 25 ás 12 horas dende a Alameda de Santiago de Compostela. Dende a organización nacionalista cren que a mobilización será masiva, dado que é o momento de esixir que Galiza conte “Reivindicar os nosos dereitos como pobo de forma masiva é a única vía para evitar que Galiza siga quedando atrás” dixo Rubén Arroxo. Para o BNG o exemplo do abandono do estado sobre Galiza é Lugo, cun ferrocarril do século XIX, cunhas autovías que nunca rematan, cun sector gandeiro cada día peor pagado e unha industrialización que nunca chega. Mais tamén hai moitos máis exemplos que dende a propia organización consideran que urxe esixir, como é a necesaria tarifa eléctrica galega, que permitiría reducir o custo nun 30% na factura da luz, coas conseguintes melloras na economía domestica, e cos beneficios para a instalación de industria e por tanto para a creación de postos de traballo que reducirían a emigración forzosa que está a vivir o país.  “Animamos ás veciñas e veciños de Lugo a vir o 25 a Compostela para amosar xunto a outras miles de persoas chegadas de todo o país, que temos capacidade de pelexar polo que nos corresponde” dixo Rubén Arroxo.  

 

 

Tamén nesta mesa informativa o BNG seguiu coa campaña que leva a respecto de solicitar un xulgado de violencia de xénero, a edil Maite Ferreiro sinalou que xa son moitas as persoas que asinaron esta reivindicación e que contan con poder facer entrega neste outono das sinaturas, antes do 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, co fin de que a Xunta de Galiza escoite a necesidade que teñen deste xulgado as mulleres de Lugo que foron ou poidan ser vítimas.

Ler novas