O BNG Asembleas Abertas reclama un maior control da empresa adxudicataria do servizo de limpeza
O abandono e mal funcionamento dos contedores soterrados provoca unha mala imaxe no casco histórico da cidade dixo Arroxo
O goberno municipal ten que contr olar se a empresa adxudicataria de recollida do lixo garante a separación de residuos sólidos
Lugo, 13 de febreiro de 2016. O voceiro do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, reclamoulle ao goberno municipal que realice un maior control do traballo executado pola empresa adxudicataria do servizo de limpeza e recollida do lixo. Arroxo denunciou que estado de conservación dos contedores soterrados que se atopan no casco hitórico da cidade e dixo que o abandono e mal funcionamento provoca unha mala imaxe da cidade.
Arroxo incidiu na necesidade que, dende o concello, se controle o traballo da empresa adxudicataria e se esixa o cumprimento do prego do condicións. O voceiro do BNG Asembleas Abertas lembrou que a empresa URBASER cobra do concello máis de 6 millóns de euros por este servizo e non pode ser que uns contedores que se instalaron para mellorar a imaxe da cidade se convertan en puntos de feismo urbanístico en pleno casco histórico.
Os contedores soterrados da praza da Soidade presentan un aspecto de absoluto abandono co empedrado levantado e o perímetro despintado. Na rúa María Balteira (perpendicular a Montevideo) os contedores presentan continuos problemas e o pasado venres tivo que ser baleirado de xeito manual o que provocou a mistura de todos os residuos.
Control sobre o sistema selectivo de recollida do lixo
Rubén Arroxo tamén pediu que se faga un seguimento para garantir o bo funcionamento do sistema selectivo de recollida do lixo os lucenses fan un esforzo para separar os residuos e o concello ten que garantir que este esforzo é útil. Arroxo sinalou que entendemos que o que pasou o outro día na rúa María Balteira é algo excepcional e engadiu que o concello ten que esixirlle á empresa que garanta o bon funcionamento do sistema de recollida selectiva e o mantemento dos contedores soterrados