O BNG celebrou en Lugo un acto previo ao 25 de xullo, día da Patria Galega
A candidatura do BNG por Lugo para as eleccións galegas foi ratificada na asemblea aberta celebrada previamente ao acto no que participou o parlamentario Francisco Jorquera
Lugo, 21 de xullo 2016. Militantes e simpatizantes do BNG participaron nunha asemblea aberta para dar a conformidade á candidatura que, encabezada por Olalla Rodil e Mario Outeiro, se presentará ás eleccións galegas pola circunscrición de Lugo. Na candidatura do BNG por Lugo están, de xeito paritario, persoas que representan a diversos sectores laborais, económicos, sociais, e artísticos. Ademais forman parte desta candidatura representantes de diferentes concellos e comarcas de Lugo.
Tras a asemblea, celebrouse un acto político-festivo como antesala ao que serán os actos centrais do día da Patria Galega o vindeiro 25 de xullo. O BNG puxo en marcha a campaña de actos conmemorativos do Día da Patria por todo o país, e tamén na emigración, como preámbulo do gran acto central da manifestación nacional do 25 de xullo que convoca en Santiago baixo o lema Galiza viva. Soberanía e traballo.
No acto de Lugo interviú o exportavoz do BNG Parlamento Galego, Francisco Jorquera, que sinalou queremos implicar a todas as persoas e a todos os colectivos que sintan este país, a todos os que acrediten en Galiza como nación que acudan a unha manifestación que sempre foi plural e reivindicativa, e fixo un chamamento a todas as persoas, a todos os colectivos sociais e políticos que están a traballar porque acreditan neste país a que acudan coas súas faixas e reclamacións para celebrar que Galiza é unha nación viva e actuante no mundo.