O BNG RECLAMA A INTERVENCIÓN DO CONCELLO E DA CONFEDERACIÓN PARA SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DO RÍO RATO
Cheiros, ratas, insectos e contaminación é o que sufren, a diario, veciños e veciñas da zona de Albeiros nas proximidades do cauce do río Rato
O deficiente mantemento dos pozos de tormenta e a construción defectuosa do encauzamento do Rato provocan esta situación a pesares do investimento millonario que se fixo nestas obras
Lugo, 7 de novembro 2014. O BNG presentou no concello de Lugo varias iniciativas para buscar a solución aos problemas que sufren as persoas residentes nas inmediacións do río Rato na zona de Albeiros. Paz Abraira sinalou que o deficiente mantemento dos pozos de tormenta e a construción defectuosa do encauzamento do Rato provocan esta situación a pesares do investimento millonario que se fixo nestas obras. A xente que vive nesta zona soporta diariamente cheiros, ratas, insectos e contaminación nas proximidades do cauce do río Rato.
Os nacionalistas tamén reclamaron a colocación de barandas de protección na rúa Fisterra que impidan accidentes relacionados co río Rato. Outra das peticións dos nacionalistas vai dirixida a que se acometa a eliminación das árbores mortas neste tramo do cauce do río. A través dunha serie de preguntas, dirixidas á comisión de medio ambiente, demandouse información para saber se o concello resolveu o problema de titularidade dos pozos de tormenta das rúas Fisterra e Garaballa e quen realiza a día de hoxe o seu mantemento.Dende o BNG reclamouselle ao Concello que adopte medidas para determinar as causas da contaminación do río Rato e tome medidas concretas para eliminar os problemas existentes nesta zona. Abraira sinalou que o concello deberá reclamar ás outras administracións todo aquelo que non sexa responsabilidade propia municipal. Tamén se pediu a recolocación das pedras que encauzan o río Rato nesta zona e que se de solución ao problema xerado coa proliferación de profundos buratos que xeran graves riscos nesta zona.
Na rúa Fisterra, no barrio de Albeiros, construíse un dos múltiples pozos de tormenta cos que conta, a día de hoxe, o sistema de saneamento deste concello. Na rúa Fisterra encauzouse o río Rato, no tramo que discorre pola zona, mediante a colocación de escolleira de pedra en ambas as dúas marxes. Paz Abraira explicou que na actualidade, parte das pedras foron cedendo o que lle está afectando ao cauce e tamén ás fincas colindantes ao río Rato, provocando buratos de considerable profundidade que xeran un, máis que evidente, risco para os veciños e veciñas da zona.
O nivel de contaminación neste punto en concreto do río Rato é perfectamente visible desde a propia beira da rúa Fisterra, desde onde se pode comprobar a existencia de malos cheiros, a presenza de ratas e de insectos e a acumulación de plásticos e demais residuos. O BNG presentou preguntas para a comisión de medio ambiente para averiguar de onde procede esta contaminación e se ten ou non algo que ver co pozo de tormenta presente na zona.