PAZ ABRAIRA: “OROZCO SEGUE SEN LLE FACER FRONTE AOS PROBLEMAS DA CIDADE COA FOLGA DO LIXO”

PAZ ABRAIRA: “OROZCO SEGUE SEN LLE FACER FRONTE AOS PROBLEMAS DA CIDADE COA FOLGA DO LIXO”

“O PP e PSOE chegaron a un acordo de goberno a semana pasada e coa este problema están a facer un paripé” afirmou a voceira municipal do BNG

 O feito que Orozco decretara uns servizos mínimos abusivos derivou de xeito claro no agravamento do conflicto

Lugo, 08 de xullo 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, valorou as diferentes posturas amosadas tanto polo PSOE como polo PP con respecto á folga do lixo que vai cumprir un mes na nosa cidade. A nacionalista Paz Abraira afirmou que “Orozco segue sen lle facer fronte aos problemas da cidade coa folga do lixo. É evidente que non está a utilizar todos os mecanismos que, como alcalde, ten na súa man para obrigar a negociar a Urbaser.” A concelleira do BNG esixiulle a Orozco que presione de xeito claro á empresa a prol da readmisión dos traballadores despedidos e anulación dos expedientes disciplinarios, así como cara que lle dea un impulso as negociacións das reivindicacións laborais.

 O BNG foi moi crítico coa xestión desta folga por parte do Goberno municipal, ao considerar que o feito de que Orozco decretara uns servizos mínimos abusivos derivou de xeito claro no agravamento do conflito, feito que, por activa e por pasiva, así lle fixeron ver os traballadores ante a pasividade do alcalde.

 

Para o BNG o PP e o PSOE chegaron a un Pacto de Goberno a pasada semana e agora “están a facer un paripé para situarse politicamente de cara as eleccións municipais de 2015. Dende logo, o PP non ten ningún interese en resolver o conflito. No pasado Pleno viuse como estes dous partidos antepoñían os intereses da empresa a calquera outro asunto”, dixo Paz Abraira. Así os dous puxeronse de acordo, dentro do Pacto de Goberno que teñen, en votar en contra da moción que defendeu o BNG  e que pedía principalmente que o Pleno solicitara a readmisión dos traballadores despedidos e instaba a ambas partes a negociar.

Paz Abraira insistiu que o Concello debe de explorar sen tardanza todas as vías administrativas coa finalidade que se cumpra este servizo básico municipal e, se non, buscar a rescisión do mesmo. Nesta liña a voceira do BNG apuntou que a privatización dos servizos públicos leva a este tipo de situacións e que é prioritario que se contemple a municipalización deste servizo, sexa agora ou, cando menos, para o 2017, ano de remate desta concesión, cumprindo con todos os mecanismos democráticos no proceso.

Alternativas ao tratamento do lixo

Ao fío deste conflito a voceira municipal lembrou a aposta do seu grupo político pola necesidade de que o Concello de Lugo poña en marcha alternativas ao tratamento do lixo. “Non é de recibo, e isto non é cousa da folga, que no contedor verde se tire todo tipo de material. Isto é froito da falta de traballo do Goberno municipal e a súa desidia á hora de dar pasos no camiño de concienciación da veciñanza e na implicación cara a promoción dun modelo sustentable baseado na compostaxe.” Para o BNG a aposta pola compostaxe resolvería moitos dos problemas que estamos a ter hoxe, sendo ademais moito mais rentable e, desde logo, mais sustentable, o que redundaría nunha mellor calidade de vida para os veciños e veciñas de Lugo.

PAZ ABRAIRA: “OROZCO SEGUE SEN LLE FACER FRONTE AOS PROBLEMAS DA CIDADE COA FOLGA DO LIXO”