AS PROPOSTAS DO BNG MARCAN AS ACTUACIÓNS DO GOBERNO MUNICIPAL DE LUGO
Abraira lembrou que o programa de axudas municipais destinadas ás empresas foi unha das condicións do BNG para a aprobación dos remanentes
Tal e como plantexaran os nacionalistas as axudas non se circunscriben exclusivamente aos establecementos do casco histórico
Lugo, a 17 de xaneiro de 2014. As actuacións que está a levar o goberno municipal están circunscritas ás propostas que o BNG presentou no seu momento así definiu Paz Abraira a situación que se está a vivir no concello de Lugo e en referencia ao programa de axudas para as pequenas empresas anunciado onte. A voceira nacionalista lembrou que o programa de axudas municipais destinadas ás empresas e á contratación de persoal foi unha das condicións do BNG para a aprobación dos remanentes. A pesares de que a representante do goberno de Orozco recoñeceu, na xuntanza da mesa local de comercio, que esta fora unha proposta do BNG non o fixo así ante os medios de comunicación.
Un dos condicionantes que o BNG marcara para a posta en marcha deste tipo de programas de axudas era que non quedasen so reducidos ao casco histórico e que se ampliasen a todo o tecido empresarial do concello.
A nova liña de axudas para as pequenas empresas tamén ten como obxectivo fomentar a creación de emprego entre os colectivos mais desfavorecidos do municipio e conta cunha partida orzamentaria de 450.000 euros.
No momento da aprobación dos remanentes, que contou co apoio do BNG, os nacionalistas platexaran que o concello puxese en marcha un Plan de Emerxencia Económica. Este plan tería como obxectivos crear emprego e evitar a súa destrución, axudar á pequena empresa e ás persoas que viven do autoemprego para manter a súa actividade. e dividíase en catro eixos fundamentais:
- Axudas á contratación de traballadores e traballadoras para empresas existentes ou de nova creación
- Axudas directas, a partir de determinados criterios, a empresas xa existentes. Estas axudas irán destinadas a cubrir a falta de liquidez de pequenas empresas e autónomos.
- Axudas para que empresas lucenses impulsen proxectos de rehabilitación e adecentamento no espazo urbano e na zona rural do concello de Lugo.
- Axudas para a creación de plans de formación de desempregados.