O TENENTE ALCALDE DESTACOU "O COMPROMISO" DO CONCELLO DE LUGO CO CAMPUS UNIVERSITARIO, E AFIRMOU QUE "SEGUIREMOS TRABALLANDO PARA ACHEGAR O CAMPUS Á CIDADE"
Rubén Arroxo mantén un encontro co Reitor da USC
O Tenente Alcalde destacou "o compromiso" do Concello de Lugo co campus universitario, e afirmou que "seguiremos traballando para achegar o Campus á cidade"
Arroxo dixo que "a USC conta cun importante apoio institucional e económico por parte do Concello de Lugo"
Lugo, 19 de decembro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, reuniuse co reitor da USC, Antonio López, para avaliar a colaboración entre a Tenencia de Alcaldía e a Universidade. Arroxo destacou a importancia do Campus Terra na transferencia de I+D+i a diversos sectores "un aspecto clave na economía lucense", e afirmou que "o Campus Terra é un referente na modernización do sector primario a través da ciencia e da innovación".
Arroxo destacou "a implicación da Tenencia de Alcaldía coa actividade cultural da Universidade", e destacou o proxecto Lugo Cultural "que nos permite organizar actividades de maneira coordinada entre a USC e as áreas de Cultura do Concello e da Deputación, favorecendo tamén o achegamento da comunidade universitaria á cultura". O Tenente Alcalde destacou o Lugo Cultural como un ciclo "que permite ofrecer ofrecer actividades culturais diversas a toda a veciñanza e á comunidade universitaria, garantindo o acceso a unha programación de calidade de xeito gratuíto".
O Tenente Alcalde valorou positivamente "o achegamento entre a cidade e o campus coa reforma das liñas de bus urbano". Arroxo destacou a mellora de conexións do campus con ata 8 liñas comunicando a USC e o resto da cidade. Arroxo destacou que os descontos para a comunidade universitaria "permiten un importante aforro no bus urbano", ao pasar o billete de 0.64 a 0.45, con transbordo gratuíto.
Arroxo afirmou que "seguiremos colaborando coas actividades que nos propoña a USC para achegar a ciencia ás rúas", e neste sentido destacou o encontro G-Night, un encontro europeo de divulgación científica que nos dous últimos anos se realizou no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros e que contou con obradoiros, demostracións e relatorios de carácter divulgativo "que demostran que a ciencia pode estar ao alcance de calquera".