O BNG DE LUGO PIDE EXPLICACIÓNS AO GOBERNO CENTRAL SOBRE OS AVIÓN ESPÍA DO AERÓDROMO DE ROZAS

O BNG DE LUGO PIDE EXPLICACIÓNS AO GOBERNO CENTRAL SOBRE OS AVIÓN ESPÍA DO AERÓDROMO DE ROZAS

Mario Outeiro esixe ao Ministerio de Defensa máis transparencia sobre este asunto para tranquilizar aos veciños e veciñas da zona

Os nacionalistas piden garantías de que non hai perigo para a poboación

Lugo,  20 de marzo de 2013.  O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou no Congreso dos Deputados unha iniciativa na que solicita ao Goberno do Estado explicacións por escrito sobre a construción e proba dun avión espía no aeródromo de Rozas, en Castro de Rei, baixo a supervisión do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (Inta).

O responsábel comarcal da formación nacionalista, Mario Outeiro, explica que o aeródromo de Rozas é propiedade do Ministerio de Defensa e que, polo tanto, estanse empregando medios de titularidade pública para que unha empresa privada constrúa unha aeronave autotripulada no marco dun proxecto no que se invisten máis de 25 millóns de euros e do que case nada se sabe e que está provocando intranquilidade entre os veciños e veciñas da zona.

Neste senso, Outeiro insiste en que “pouco se coñece sobre o destino deste avión espía e as razóns de que se probe nesta pista lucense e descoñécese se a empresa privada conta con todos os permisos e autorizacións correspondentes. O Ministerio de Defensa debe aclarar o que está a suceder no aeródromo de Rozas para evitar a preocupación do pobo; debe garantir que a construción e as probas de dito avión non supoñen perigo algún para a poboación.”

O BNG pide que se aclare, tamén, se existe algunha contrapartida económica ao respecto do uso do aeródromo por parte da empresa e se é normal que se utilicen medio do Estado para este tipo de cuestións.

O BNG DE LUGO PIDE EXPLICACIÓNS AO GOBERNO CENTRAL SOBRE OS AVIÓN ESPÍA DO AERÓDROMO DE ROZAS