bng
Novas
IMG_20160919_185043

O BNG confirma que o circo con animais está sen autorización municipal

“Despois de revisar toda a documentación, podemos confirmar que non existe tal autorización” Afirmou Rubén Arroxo

Lugo, 19 de setembro de 2016. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo informou que o polémico circo con animais instalado en Augas Ferreas non conta coa autorización municipal para a súa instalación “despois de revisar toda a documentación, podemos confirmar que non existe tal autorización”. Deste xeito dende a organización nacionalista esíxenlle á alcaldesa Lara Méndez que tome unha decisión clara ao respecto “a alcaldesa non pode permitir que iso siga aí, cando non conta coa autorización municipal necesaria e está a saltar o acordo plenario que declarou Lugo libre de circos con animais, urxe que sexa retirado”.

 

Este feito está a causar un forte malestar entre a veciñanza da zona, preocupada entre outras cuestións polas medidas de seguridade, dado que se colocaron instalacións con animais salvaxes, tales como elefantes ou tigres, sen que existan os permisos necesarios. Tamén volveu abrir a polémica dende os colectivos animalistas, dado o maltrato que supón para estes animais ter que botar toda a súa vida nunha gaiola.

IMG_20160919_185043

Para Rubén Arroxo, que aínda non recibiu ningunha resposta das preguntas presentadas ao goberno municipal sobre isto, considera que isto non se pode consentir “se non se é contundente con quen se instala sen autorización, mañá podería chegar calquera, montar un campo de tiro na rúa da Raíña e quedariamos mirando para eles” afirmaba isto mentres consideraba que unha cuestión tan grave coma esta non se pode tomar coa tranquilidade que se está amosar dende o goberno municipal.

Ler novas
Novas

O BNG denuncia a falta de información sobre os almorzos dos colexios

Lugo, 6 de setembro de 2016. A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, denuncia a falta de información que están a ter os pais e as nais a respecto do servizo de almorzos dos colexios “A falta de 4 días para o inicio das clases as familias non saben se van ter nos seus centros este servizo, isto está a causar importantes problemas para organizar a conciliación familiar”. Dende o grupo nacionalista consideran que esta situación está a provocar que nais e pais estean na busca de alternativas, dado que temen chegar ao inicio do curso sen posibilidade de atopar solucións no caso de que ao final non exista este servizo. O propio grupo do BNG explicou que nestes días recibiron avisos de pais e nais preocupados pola situación “dado que cando chaman non lles son capaces de confirmar nada”.

Para o BNG este é un novo caso de mala xestión por parte do goberno municipal que se suma ao caso dos propios comedores, “onde ao final quen está a pagar son as familias”. Maite Ferreiro lembrou que a Xunta está a incumprir con Lugo nesta materia, xa que debera ser quen se responsabilizase desta cuestión, mais que en todo caso o concello ten que poñer as debidas xestións en funcionamento para evitar que os nenos e nenas de Lugo queden sen este servizo.

Ler novas