Rubén Arroxo sinalou “non entendemos o pouco interese do goberno municipal en mellorar a xestión enerxética por sistemas máis ecolóxicos e máis económicos”
Lugo, 2 de agosto 2017. Se o BNG denunciaba publicamente o pasado luns que o concello de Lugo podía quedar por causas dunha nefasta xestión política sen unha subvención de 776.255,47 € adxudicada polo INEGA para un proxecto de rede de biomasa, no día de hoxe podemos ver na web do INEGA que o concello de Lugo non solicitou a que saíu no 2017. O portavoz do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, mostrouse bastante sorprendido ao ver o listado de beneficiarios desta axuda na que non aparece o concello lucense “non entendemos o pouco interese do goberno municipal en mellorar a xestión enerxética por sistemas máis ecolóxicos e máis económicos”. No listado que aparece na web do INEGA, publicado este 1 de agosto, pódese observar que se concederon 121 axudas a entidades locais galegas, e a ausencia de Lugo nese listado é para o BNG “unha nova oportunidade perdida de facer proxectos na cidade”
A convocatoria de axudas baixo o título de “subvencións para o ano 2017 a proxectos de biomasa para administracións locais e autonómica, entidades sen ánimo de lucro, empresas e autónomos” foi publicada no DOG do 22 de marzo do 2017 e existía un prazo ata o 24 de abril para solicitala, algo que para o BNG “é tempo máis que suficiente se se ten un proxecto do que se quere para Lugo”. Estas axudas cubrían ata un 80% da inversión, unha cantidade que o BNG considerou moi importante.
O concelleiro do BNG, Rubén Arroxo, pediu “un cambio de rumbo na xestión municipal” entendendo que a día de hoxe o goberno municipal segue sen un proxecto claro para Lugo malia levar xa máis de 2 anos de mandato. O BNG cre que proxectos coma o da biomasa, que son alternativas directas ao petróleo e que aforran cartos, deben ter maior consideración por parte do executivo local.
Axudas do 2016. Con respecto ás axudas outorgadas a Lugo o 22 de decembro do 2016, o BNG volve insistir en que dificilmente se podan ampliar os prazos, tal e como se xustificou o goberno municipal, lembrando que non hai ningún documento oficial no que apareza dita cuestión, polo que estas terían que estar xustificadas antes do 15 de outubro, algo que Rubén Arroxo volveu considerar de “moi complicado”, polo que pediu atención máxima deste asunto para evitar perder os preto de 800.000€.
Bases axudas: http://www.inega.gal/subvencions/subvencions/Energiasrenovables/2017/ficha_renovables2017_0003.html
Concedidas: http://www.inega.gal/sites/default/descargas/subvencions/SubvencionsPDF/Relacion_axudas_BiomasaFEDER2017.pdf