MAITE FERREIRO: "O SAN FROILÁN É A GRAN FESTA DO OUTONO GALEGO, CONVIDAMOS A TODA GALIZA A ACHEGARSE A LUGO E DESCUBRIR NON SÓ AS NOSAS FESTAS, SENON TAMÉN O NOSO PATRIMONIO CULTURAL E GASTRONÓMICO"

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro, acompañados polos Pelúdez, foron recibidos pola Alcaldesa de Santiago Compostela, Goretti Sanmartín, para promocionar o San Froilán 2024

A edil de Cultura salientou que "é a primeira vez que os Pelúdez saen de Lugo para promocionar na capital de Galiza a gran festa do outono galego"

Maite Ferreiro: "O San Froilán é a gran festa do outono galego, convidamos a toda Galiza a achegarse a Lugo e descubrir non só as nosas festas, senon tamén o noso patrimonio cultural e gastronómico"

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro, acompañados polos Pelúdez, foron recibidos pola Alcaldesa de Santiago Compostela, Goretti Sanmartín, para promocionar o San Froilán 2024




Lugo, 05 de setembro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e os Pelúdez, desprazáronse a Santiago de Compostela, onde foron recibidos pola Alcaldesa Goretti Sanmartín co obxectivo de promocionar as festas do San Froilán 2024 que terán lugar entre o 4 e o 12 de outubro. Maite Ferreiro destacou o San Froilán como "a gran festa do outono galego", e afirmou que "todas as galegas e galegos están convidados a vir a Lugo e descubrir tanto as nosas festas como o noso patrimonio histórico, cultural e gastronómico".

Maite Ferreiro agradeceu o convite do Concello de Santiago para dar esta promoción ao San Froilán e destacou que as festas deste ano serán "unha homenaxe á importancia de Lugo no panorama cultural galego actual", destacando á artista multidisciplinar Luz Darriba, que será a pregoeira das festas, como unha das persoas máis relevantes á hora de conseguir que a Muralla fose declarada Patrimonio da Humanidade a través do proxecto Cumulum, que este ano cumpre un cuarto de século desde o seu inicio no ano 1.999.

Ferreiro destacou a asistencia dos Pelúdez ao concello de Compostela, "as caras máis visibles do San Froilán tradicional nunhas festas que mesturan tradición e modernidade e que por primeira vez saen de Lugo para promocionar a gran festa do outono galego".

Goretti Sanmartín destacou as conexións entre Lugo e Compostela "como dúas cidades que contan con Patrimonios da humanidade e cunha unión moi estreita tamén a través da Universidade", e afirmou que "somos Concellos aos que nos gusta preservas as tradicións que forman parte da nosa identidade, como as festas da Ascensión e o San Froilán". A alcaldesa de Santiago fixo fincapé en que que Lugo e Compostela "son as cidades con máis falantes de galego, un elemento fundamental da nosa cultura e historia". Sanmartin rematou a súa intervención facendo un chamamento á veciñanza de Compostela a que se achegue ao San Froilán "como a festa máis importante de Lugo".

A Área de Cultura do Concello de Lugo deseña un programa de festas para chegar a todo tipo de público "buscando que todas as persoas que viven en Lugo que deciden visitarnos durante os 9 días de San Froilán sintan que as festas son súas" afirmou Maite Ferreiro, que engadiu "cada ano as festas de San Froilán contan con máis de 200 actividades entre música, eventos de rúa, programación infantil e actividades relacionadas coa cultura tradicional galega".

Rubén Arroxo e Maite Ferreiro, acompañados polos Pelúdez, foron recibidos pola Alcaldesa de Santiago Compostela, Goretti Sanmartín, para promocionar o San Froilán 2024