preguntará
Novas
piringalla

O BNG preguntará sobre os pasos que deu o concello para a posible escavación do Castro da Piringalla

Lugo, 09 de agosto de 2017.  A concelleira do BNG, Maite Ferreiro presentou unha serie de preguntas para a comisión municipal de Cultura de cara a saber en que situación se atopa o estudo para a posible escavación do Castro da Piringalla. O pleno municipal, por iniciativa do BNG, aprobaba por unanimidade en setembro do 2016 un acordo para iniciar os estudos pertinentes para coñecer os restos que existen baixo terra da Agra dos Castros na zona norte da cidade, que se descubriron no ano 2007, no transcurso dunhas obras municipais de substitución dunha das tubaxes de canalización de auga que conducen aos depósitos municipais situados xusto enfronte do castro. A concelleira nacionalista considerou moi importante poder poñer en valor estes achados, que en palabras de moitos expertos permitirán resolver moitas cuestións pendentes sobre como foi o contacto que tiveron os pobos asentados en Lugo coa chegada dos romanos “entendemos que a escavación deste castro permitirá coñecer moito máis sobre a historia de Lugo, de aí que consideremos importante que se lle preste atención e que se fagan os trámites precisos para a súa recuperación” dixo Maite Ferreiro.

 

 

Para o BNG “o Castro da Piringalla, máis aló de permitirnos coñecer o pasado prerromano, pode converterse nun importante punto de atracción turística para a cidade”. Maite Ferreiro sinalou que “Viladonga demostra que estamos desaproveitado recursos que temos dentro da propia cidade”. O Castro da Piringalla ademais axudaría a dinamizar a zona norte da cidade, especialmente os barrios da Piringalla e Garabolos.

 

Actualmente na documentación á que teñen acceso os grupos municipais recóllese que o goberno municipal concorreu ás subvencións do programa europeo INTERREG co fin de poder optar a recursos económicos para levar os traballos pertinente. Ademais cómpre ter en conta que malia que parte dos terreos onde se sitúa o xacemento son privados, a lexislación permitiría iniciar a investigación e estudo, a maiores o PXOM recolle este espazo como zona verde dentro da unidade de actuación S-6.R, polo que se podería incluso actuar por diferentes vías urbanísticas para podelo converter nun espazo público.

 


O BNG propón para este espazo a escavación do castro, a posta en valor ao aire libre dos restos atopados e a construción dun pequeno museo e centro de interpretación que complete o conxunto museístico. Moi preto deste lugar tamén se atopan os restos achados do acueducto usado na época romana para traer a auga ata a cidade. Deste xeito completaríase un interesante circuito pola cidade que comezaría na época castrexa e remataría na Muralla e a romanización, podendo amosar ás persoas visitantes unha visión máis global e completa do mundo romano e da historia da cidade.

Ler novas
Novas
IMG_1396

O BNG preguntará na comisión de infraestruturas se se estudou algo para a mellora do tráfico en Fontiñas

Aínda non sabemos nada da rotonda na confluencia de San Eufrasio con Fontiñas

 

Lugo, 08 de agosto 2017. O BNG preguntará polas xestión do goberno municipal en relación á toma de medidas para mellorar o tráfico na zona de Fontiñas. O portavoz do BNG, Rubén Arroxo lembrou que nos pasados meses de decembro e xaneiro a organización nacionalista tivo unha serie de xuntanzas coa veciñanza de Fontiñas co fin de preparar algunhas propostas para a mellora da mobilidade na avenida, propostas que o propio grupo municipal lle trasladou ao goberno municipal “tras recibir as propostas do BNG, o goberno municipal anunciou o pasado mes de febreiro que se ían iniciar os trámites para ver a posibilidade de aplicar medidas como a creación dun novo carril e deseñar novos aparcadoiros” e engadiu “dende aquel anuncio nada se volveu saber do tema”. “Neste momento non se tomou ningunha medida efectiva como a tan demandada de crear unha rotonda na confluencia con San Eufrasio” un punto este último que conta cun importante número de colisións e que o concelleiro do BNG responsabiliza á Xunta e Concello de non ser quen de poñerse de acordo para executala.

 

Rubén Arroxo lembrou “o 17 de febreiro o goberno pediulle ao gabinete de tráfico un informe sobre a posibilidade de crear un novo carril e deseñar novos aparcadoiros”. O BNG propuxo unha serie de medidas para mellorar a circulación na zona de Fontiñas. Rubén Arroxo dixo que “temos un plan para a zona e aínda que as medidas que presentamos agora non son a solución definitiva si que van a contribuír a mellorar a fluidez do tráfico”. Entre as propostas do BNG están a de dispoñer de dous carrís, cando menos dende Montero Ríos ata o cruce co carril dos Indios, considerando que o ideal sería chegar ata o carril do Xuízo, e recuperando esas prazas de aparcadoiro nalgúns dos solares abandonados da contorna que son públicos e outros chegando a acordos cos propietarios. Arroxo explicou que a creación de dous carrís en cada sentido de circulación nestes tramos suporía a eliminación dunhas 40 prazas de estacionamento, pero aplicando esta medida xunto coa creación de tres aparcadoiros disuasorios na zona, crearíanse unhas 200 novas prazas.

 

Cambiar o sistema de xiro nos cambios de sentido para dar axilidade á circulación é unha das propostas do BNG. Este sistema de xiro, coñecido como “xiro á Indonesia”, xa se aplica en moitas avenidas de diversas cidades e permite que os vehículos afronten o cambio de sentido da marcha sen agardar polos vehículos que fan o cambio de sentido contrario. Arroxo sinalou que este novo sistema de cambio de sentido da circulación podería aplicarse naqueles puntos nos que non existe intersección de viais e sería factible facelo en catro lugares, sendo especialmente útil para darlle fluidez xunto a Praza do Camiño Primitivo e en fronte da escalinata de Paxariños.

 

Ler novas